O país dos nomes infinitos (unha reportaxe de NÓS TV)

A canle de televisión Nós TV acaba de facer unha estupenda reportaxe sobre o proxecto colaborativo Galicia Nomeada. Este medio de comunicación, que emite na canle 119 de R, caracterízase por unha clara aposta pola nosa lingua e polo noso país, achegando á cidadanía unha información propia, diferente e de calidade.

Na reportaxe interveñen Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Vicente Feijoo, coordinador de Galicia Nomeada desde o Seminario de Onomástica da RAG; e Xoán Carlos García Porral, profesor do IES Pintor Colmeiro e coordinador da publicación A paisaxe lendaria e toponímica do concello de Silleda.

Valentín García pon de manifesto a importancia dun proxecto coma este para salvagardar e difundir o tesouro cultural que representa a toponimia galega, ademais de facer un chamamento á participación social. Así mesmo, tamén nos informa das múltiples utilidades desta información para o mundo da investigación e para as distintas xestións sobre o territorio levadas a cabo desde a Administración pública.

Vicente Feijoo fala dos obxectivos deste proxecto colaborativo e de como funciona a aplicación coa que a cidadanía poderá participar na recolleita dos milleiros de nomes que identifican cada anaco da nosa terra e do noso mar. Tamén fai un percorrido retrospectivo pola traxectoria do Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011), facendo fincapé no salto tecnolóxico que supón o novo método de recolleita colaborativa a través do proxecto colectivo Galicia Nomeada. Ademais, destaca o papel fundamental do Seminario de Onomástica da RAG, como órgano científico formado por especialistas en toponimia, na revisión lingüística e na validación de toda esta información toponímica.

Xoán Carlos García Porral mostra o valor didáctico e persoal que lles achega aos rapaces e rapazas deste instituto dezao o feito de traballar coa toponimia local. Tamén destaca a importancia de recoller as lendas e a tradición oral asociada a cada topónimo. Explica como fixeron o traballo de recompilación dos 1.600 microtopónimos lexendarios rexistrados neste concello, traballo gañador do IX Premio Didáctico Antón Fraguas e cuxo produto final foi a publicación do libro mencionado arriba. Para testemuñar esa recolleita de tradición oral, aparece Pilar Espiño (IES Pintor Colmeiro) contando a lenda do Penedo de Penouxil.

Cada un dos diferentes testemuños converxen nunha visión conxunta e circular dun proxecto construído entre todos os galegos e galegas, cuxo beneficio reverte tamén en nós mesmos, pois todos estes nomes achégannos unha información moi valiosa sobre a historia de Galicia e sobre a lingua que nos identifica e singulariza como pobo.

Tipos