Poio conciénciase para rescatar a súa toponimia tradicional
Este pasado sábado foi o Día da Toponimia en Poio: malia que as previsións meteorolóxicas obrigaron a cancelar a programación do Día de Colón, Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra foi a grande cita cultural da fin de semana no concello pontevedrés de Poio.
O alcalde do municipio, Ángel Moldes Martínez, foi o encargado de presentar o acto no Salón de Plenos do Concello xunto coa concelleira de Servizos Sociais, Natividad Torres. O relator, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, foi presentado pola técnica de Cultura, Aroa Morgade, en ausencia da concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, que escusou a súa ausencia por un problema persoal. Os membros da corporación municipal comprometéronse en procurar a colaboración do IES de Poio e tentar programar xunto a eles unha sesión formativa no cento, co fin de que a rapazada poida recoller a súa toponimia tradicional en colaboración coas súas familias e os docentes.
A tarefa de recoller os nomes das terras do concello de Poio é moi urxente por dous motivos: por un lado, este concello non foi obxecto de traballo na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011); por outro, o forte desenvolvemento urbano deste concello lindeiro con Pontevedra está a modificar a súa fisionomía e isto tamén implica a chegada de poboación que descoñece o territorio e a súa toponimia. Esta necesidade é compartida por dúas persoas que estiveron presentes na charla en representación dalgunhas comunidades de montes do concello: Andrés Dacosta Pozo, membro da Asociación A Solaina e da Comunidade de Montes da parroquia de Combarro; e Xan Bautista Cambón, da Comunidade de Montes Rega do Can da parroquia de Samieira.
Para lles facilitar a tarefa aos membros da comunidade de montes e para que estes poidan formar aos seus compañeiros, Vicente Feijoo centrou a súa charla en explicarlles todas as funcionalidades de Galicia Nomeada, tanto na versión de escritorio como na app para dispositivos móbiles. Comezou desde o máis básico, o proceso para solicitar unha conta de usuario; para rematar nas accións máis avanzadas, como enviar algunha suxestión sobre a toponimia xa incluída na plataforma; entre medias, detívose no resto de funcionalidades: como enviar un topónimo, subir unha imaxe ou un arquivo de son, engadir algunha descrición...
Tras as explicacións técnicas, Vicente Feijoo reservou para o final a explicación da orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concellos, ademais de mencionar as mudanzas de nome que o novo Nomenclátor trouxo nas aldeas e parroquias deste concello pontevedrés. Son cinco as entidades de poboación viron modificado o seu nome oficial para engadirlles artigo: A Coruxa, O Muíño, A Portería, A Serpe e O Pedreisón.
Entre as etimoloxías que chamaron a atención dos asistentes estiveron as dos topónimos Raxó e Samieira, que son controvertidos polas distintas hipóteses que se barallan, ou o tautotopónimo O Riodama, tal e como explicamos neste artigo.
Xunqueira de Ambía, nova parada Toponimízate
Toponimízate muda de provincia esta semana: a campaña visitará o Concello de Xunqueira de Ambía este mesmo venres 15 de maio a partir das 19:00. A cita será nas Escolas Vellas deste concello ourensán.