Preto dun cento de persoas déronse cita na VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos en Galicia

Este xoves 21 de setembro, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu un encontro a nivel estatal de voces expertas en cartografía e toponimia na VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, organizada pola propia CENG, organismo dependente do Instituto Xeográfico Nacional (IGN). 

O evento, que contou coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades, e coa da Real Academia Galega, tivo como nexo argumental a relación tan estreita existente entre os nomes xeográficos e o mundo dixital. Este tema suscitou un grande interese, ata o punto de congregar arredor dun cento de persoas, entre oíntes e relatores. Entre os asistentes, estudantes universitarios, profesores, profesionais que traballan en temas de sistemas de información xeográfica e infraestruturas de datos espaciais ou particulares.

O fío condutor desta xornada foi a posta en común dos traballos que, desde o Instituto Xeográfico Nacional, se están a levar a cabo en colaboración coas comunidades autónomas para elaborar o Nomenclátor Xeográfico de España adaptado á normativa europea, onde cada topónimo que forma parte desta cartografía dixital debe estar normalizado seguindo uns criterios comúns para todos.

A VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos estivo dividida en tres sesións, dúas pola mañá e unha terceira pola tarde. Cada unha destas sesións tivo tres relatorios diferentes dunha media hora de duración cada un, tras os cales houbo unha quenda de preguntas e debate sobre os temas tratados polos expertos. 

A xornada abriuse cun acto de benvida ás 9:30 h no que participaron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, en representación do órgano científico que se encarga de revisar e oficializar a toponimia galega; María Pardo, presidenta da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos (CENG); e Mónica Groba, secretaria do Consello Superior Xeográfico, órgano de dirección do Sistema Cartográfico Nacional e dependente do Ministerio de Fomento.

No que respecta ás intervencións dos relatores, Angélica Castaño Suárez, do Instituto Xeográfico Nacional, foi a encargada de ofrecer a primeira comunicación da xornada, que serviu para presentar o novo visor do Nomenclátor Xeográfico Nacional, unha tarefa que levou a cabo o IGN conxuntamente coa Comisión Especializada de Nomes Xeográficos para cumprir coa normativa vixente marcada pola Comunidade Europea para as infraestruturas de datos espaciais.

A continuación, Vicente Feijoo Ares, da Real Academia Galega, falou dos catro proxectos que se están desenvolvendo actualmente en Galicia arredor da toponimia galega, facendo especial fincapé na plataforma colaborativa Galicia Nomeada, un proxecto destinado a recompilar e difundir toda a microtoponimia galega e a tradición oral vencellada a ela, grazas á participación cidadá. Este proxecto é un referente na colaboración entre as administracións públicas e a cidadanía na salvagarda do patrimonio inmaterial toponímico cunha base integramente dixital. Desde que a Xunta de Galicia e a RAG puxeran en marcha esta plataforma a finais do ano 2019, foron achegados de forma altruísta polos máis de 3.200 colaboradores rexistrados algo máis de 65.000 microtopónimos, que unidos aos recollidos anos atrás polo desaparecido Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) ofrecen neste momento máis de medio millón de topónimos xeolocalizados e dispoñibles para consulta e descarga no visor de Galicia Nomeada e no visor do portal Toponimia de Galicia

Pechou a primeira das sesións de mañá Oihana Mitxelena, da Deputación Foral de Gipuzkoa, quen na súa intervención titulada “Conexión entre Nomenclátor e cartografía oficial e os retos no tránsito de nome a rótulo", falou do grande reto que supuxo a automatización da rotulación dos nomes de lugar á hora de xerar a cartografía automática do Instituto Xeográfico Nacional, especialmente nun contorno bilingüe como o é o do País Vasco, onde xurdiron situacións específicas que aumentaron a súa complexidade.

Tras a pausa para o café, ás 12:00 h, Maite Mollà Villaplana, da Acadèmia Valenciana da Llengua, abriu a segunda das sesións da mañá, cun relatorio que abordou a elaboración da segunda edición das Directrices toponímicas de uso internacional para editores de mapas, cartas náuticas e outras publicacións, publicación en que participaron todos os membros da CENG e que foi loada polos presentes na quenda de intervencións.

Seguidamente, Mª Natalia Fojo Díaz, do Instituto Nacional de Estatística, presentou as innovacións na publicación da estatística “Nomenclátor: Poboación do Padrón Continuo por unidade poboacional”, entre as que cómpre salientar unha nova forma de presentar os datos, máis intuitiva; e tamén a infografía do Nomenclátor, un produto elaborado por primeira vez este ano que complementa a publicación que se veu realizando ata o de agora, ademais doutros cambios que está previsto realizar e afrontar no futuro.

As sesións da mañá foron pechadas por Marcos F. Pavo López, do Instituto Xeográfico Nacional, co seu relatorio sobre “A toponimia en mapas antigos como ferramenta para trazar a súa liñaxe: A transmisión do topónimo Elkano na cartografía dos séculos XVI-XVII”, un percorrido sobre como a xesta do mariño guipuscoano se traduciu nun fenómeno curioso: a representación sobredimensionada da pequena poboación de Elcano nalgúns mapas dos séculos XVI e XVII, ata chegar mesmo a eclipsar a cidade moito máis relevante de Guetaria, o seu auténtico lugar de nacemento.

Xa pola tarde, ás 16:00 h, Juncal Mónica García Velasco, do Principado de Asturias, expuxo o proceso de normalización toponímica dos nomes de concellos, capitais, parroquias e núcleos de poboación da súa rexión, segundo as novas directrices para abordar a oficialización dos topónimos de accidentes xeográficos en Asturias. Continuando con esta mesma liña temática, Mª Teresa Garrido Borrego, do Instituto de Estatística e Cartografía de Andalucía, fixo un resumo dos avances levados a cabo no Nomenclátor Xeográfico de Andalucía para inventariar, normalizar e difundir a toponimia desta comunidade. A última intervención da xornada correu a cargo de Eulàlia Fons Carbonell, do Institut Cartogràfic i Geogràfic de lles Illes Balears, quen explicou como se realizou o Nomenclátor Xeográfico das Illes Balears, aprobado en 2021, e o visor de xestión que permite non só a consulta por parte das persoas interesadas, senón tamén a súa revisión e actualización.

Para clausurar esta xornada, interveu María Elvira Casal, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da SXPL, quen quixo agradecer a presenza de todos os relatores na xornada e que a CENG elixise Galicia como localización deste evento.

Vídeo da xornada

Os diferentes relatorios que forman parte da VI Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos en Galicia están dispoñibles neste vídeo:

 
Galería de imaxes
Tipos