A toponimia do Camiño de Santiago, protagonista dunha nova publicación de grande interese

Xa está dispoñible  para descarga unha nova publicación da RAG de moito interese: Os camiños de Santiago, de Europa a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio. Publicada polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, reúne máis dunha vintena de traballos sobre os nomes de lugar das rutas xacobeas de investigadores de diversas universidades europeas, todos e todas eles presentes no congreso que a Real Academia Galega organizou no mes de setembro de 2022 en Santiago de Compostela e que contou coa achega económica da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, alén da colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e da Asociación Galega de Onomástica.

Os traballos e relatorios parten de distintas zonas xeográficas, diversos períodos cronolóxicos, de material literario ou de documentacións históricas, e comparten unha consciencia común da importancia da toponimia como parte do patrimonio inmaterial, segundo salientan as responsables da edición do libro, a académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez. 

A publicación inclúe artigos sobre os nomes dos camiños en Galicia, a Península Ibérica e o resto de Europa de autores como Gonzalo Navaza, Juan Carlos Búa Carballo, José María Anguita Jaén, Paula Bouzas Rosende, Xosé Manuel Sánchez Rei, Vicente Feijoo Ares, Xosé María Lema Suárez e Valentín García Gómez, Emilio Nieto Ballester, Carlos Rocha, Alice Fernandes, Esperança Cardeira, Toribio Fuente Cornejo, Jairo Javier García Sánchez, Javier Giralt Latorre, Emili Casanova, Patxi Salaberri Zaratiegi, Mikel Gorrotxategi Nieto, Pierre-Henri Billy, Elena Papa, Alda Rossebastiano, Fernando García Pazos, Marta Montilla Lillo, Marco Pavo López, José Carlos Sánchez Pardo, Marcos Fernández Ferreiro, Andrés Menéndez Blanco e Fernando Álvarez-Balbuena García.

Alén de ler os artigos de cada relatorio nesta publicación, tamén se pode acceder aos vídeos das diferentes palestras nesta propia páxina e na canle de Youtube da Real Academia Galega.
 

 
Tipos