Toponimízate chegou a Ponte Caldelas na procura dos nomes do seu territorio

O concello de Ponte Caldelas foi o encargado de pórlle o ramo a un intenso mes de Santos en que Toponimízate visitou outros seis concellos galegos. O Centro Cultural desta localidade pontevedresa situado a carón do río Verdugo acolleu esta actividade posta en marcha pola Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, que neste ano chega á súa sexta edición.

A charla foi presentada pola responsable de comunicación do Concello de Ponte Caldelas, María Argibay González, quen desculpou ausencia do alcalde da corporación, Andrés Díaz Sobral, por un problema persoal de última hora que lle impediu asistir a un evento no que estaba realmente interesado. 

O obxectivo principal co que Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada encargado de impartir estas charlas, acudiu a Ponte Caldelas foi procurar novas e novos colaboradores entre o público que se sumen á tarefa de salvagardar a microtoponimia deste concello e toda a tradición oral asociada a ela a través da aplicación colaborativa Galicia Nomeada. Desde o lanzamento deste proxecto aberto á participación cidadá, este concello da comarca de Pontevedra sumou algo máis de douscentos topónimos ao seu repertorio grazas a colaboradores como Jesús Martínez Lale, quen achegou xa 120 nomes de lugar, ou Víctor Souto, arredor duns 30, entre outros. Mais, aínda quedan moitos nomes de terras, montes, regatos, penedos, fontes.... por recoller neste concello pontecaldeán. Urxen, por tanto, seguir sumando persoas voluntarias amantes da toponimia que queiran colaborar coa RAG e a Xunta de Galicia na recuperación da súa toponimia tradicional.

Coidamos que moitos dos presentes, entre os que se atopaban algúns profesores e tamén arqueólogos, están entusiasmados coa iniciativa e xa durante o transcurso da charla se deron de alta na plataforma Galicia Nomeada. Queremos destacar un proxecto afín desenvolvido na parroquia de Anceu por un dos veciños presentes, Agustín, chamado Pegadas do recordo, cuxo principal obxectivo é recuperar a memoria dos camiños e dos montes da freguesía. Na súa web, foron subindo conversas cos habitantes das aldeas nas que relatan as historias que viviron ou que lle contaron. A intención de Agustín nun novo paso do proxecto é recuperar a microtoponimia da parroquia e incorporala a Galicia Nomeada.

Para que a veciñanza presente comprobase o doado que é colaborar neste proxecto, Vicente Feijoo explicou detalladamente o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada: como darse de alta, como introducir un novo topónimo, como engadir información oral ou documental na ficha dun topónimo, como facer suxestións para corrixir lingüística ou xeograficamente un nome subido por outro colaborador...

No espazo dedicado a debullar a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas de Ponte Caldelas, cobrou protagonismo o nome do río que rega estas terras, o río Verdugo, falsamente modernizado en *Verduxo, talvez por hipercorrección, como apuntou Moralejo Lasso. Este Verduxo partiu probablemente dunha pronuncia con gheada, Verdugho, que se interpretou como castelanismo e, posteriormente, foi corrixida en *Verduxo. Os testemuños antigos remiten a un étimo do latín *VIR(I)DUCUM, talvez co significado de ‘rebento, fillo dunha planta’, derivado de VIRIDE ‘verde’ e probablemente faga referencia á abundancia de vexetación verde nas beiras deste río ou á cor verde das súas augas Outra das etimoloxías que causaron sorpresa foi a da parroquia de Castro Barbudo, tamén cunha máis que probable orixe fitotoponímica que o emparella, semanticamente falando, co nome do río.

Narón, última parada da campaña Toponimízate en 2023

A campaña Toponimízate 2023 chega á súa fin este mesmo venres: o concello coruñés de Narón programa a última das citas coa recuperación toponímica neste ano, que será ás 19:00 h no Centro Cívico Cultural do Alto do Castiñeiro.
 

 
Galería de imaxes
Tipos