Dumbría viviu unha charla moi produtiva: 6.000 novos topónimos que serán incluídos en Galicia Nomeada
O Centro Social de Dumbría abriu este venres 17 de novembro unha das xornadas máis produtivas da Campaña Toponimízate desde a súa posta en marcha hai seis anos. A iniciativa da Real Academia Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística recibiu un agasallo dun valor incalculable da man de Modesto García Quintáns. Durante anos, este técnico xubilado do Instituto Xeográfico Nacional, experto coñecedor da historia e da tradición do seu concello de nacemento, e sobre todo apaixonado da toponimia, foi recollendo a microtoponimia de Dumbría ata xuntar máis de 6.000 nomes xeorreferenciados que ofreceu de xeito totalmente altruísta para incluír no plataforma Galicia Nomeada.
O anuncio foi realizado durante a charla, que contou coa presenza do propio Modesto García. Alí amosou os mapas impresos do concello con todo eses nomes de montes, fontes, muíños, penedos... correctamente localizados que serán tratados de xeito informático para tentar atopar a forma de integralos na base de datos e que estean dispoñibles o antes posible no visor de topónimos de Galicia Nomeada.
O coordinador técnico de Galicia Nomeada encargado de impartir estas charlas Toponimízate, Vicente Feijoo Ares, foi recibido polo propio alcalde do concello, Raúl González Lado, quen escusou a súa ausencia na actividade para atender os danos causados polo temporal nunha parte do territorio do seu concello. Daquela, foi a técnica de Cultura, Ana Casais Trillo, a encargada de presentar o relator destacando o inmenso labor realizado por Modesto García a prol da recuperación da súa microtoponimia. Desde o seu departamento comprométense a colaborar con este proxecto, unha vez que os topónimos recollidos por Modesto García estean subidos á plataforma, para completar esta información con fotos, lendas, audios coa súa pronuncia ou vídeos. Esta tarefa tamén se realizará de xeito sistemático nas clases de informática para a terceira idade que se realizan no concello dumbriés.
Na mesma liña traballarán o profesorado e o alumnado do CEIP Santa Eulalia de Dumbría que asistiron á charla, un grupo duns 50 rapaces dos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria que estiveron moi atentos e participativos durante todo o obradoiro. Como vén sendo habitual entre a xente máis nova, gustoulles moito a parte da charla na que Vicente Feijoo lles explicou as principais características de Galicia Nomeada e todas as posibilidades que lles ofrece: engadir novos topónimos, con imaxes e documentos asociados, realizar propostas de modificación sobre os asistentes...
Na parte do evento Toponomízate dedicada ás etimoloxías non podían faltar dous dos topónimos máis singulares deste concello, Dumbría e O Ézaro. O seu propio nome, Dumbría, foi amplamente debatido polos toponimistas, que non se puxeron de acordo para trazar a súa orixe, talvez prerromana. Algúns autores supuxérono un composto co coñecido celtismo -briga, ‘castro, recinto amurallado’, pero estudos posteriores rexeitaron esa explicación porque non se axusta á evolución fonética regular nin aos rexistros medievais. Outra hipótese, exposta por Edelimiro Bascuas, supón un étimo tamén céltico *DONO-BRÍA, que faría referencia á vexetación. Canto ao Ézaro, topónimo único como única é a súa fervenza, os investigadores coinciden en apuntar cara a unha raíz prerromana hidronímica.
Desde Galicia Nomeada queremos agradecer unha vez máis a xenerosidade e o altruísmo que amosou Modesto García, grazas ao que Dumbría terá case toda a súa microtoponimia accesible e salvagardada para a posteridade.