O concello ourensán de Cualedro abriu a temporada de charlas Toponimízate 2024
O concello ourensán de Cualedro foi o encargado de dar inicio neste ano 2024 á campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que continuará durante os vindeiros meses noutros 11 concellos do país co obxectivo de difundir a importancia da nosa toponimia tradicional e buscando persoas que se sumen á súa salvagarda.
A cita tivo lugar na Casa da Cultura cualedrá o pasado venres 14 de xuño. O propio alcalde do concello, Luciano Rivero Cuquejo, foi a persoa encargada de presentar a charla que impartiu Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
A charla estivo composta de tres bloques. No primeiro, Vicente Feijoo falou da importancia que a toponimia tradicional ten nas nosas vidas e instou ás persoas asistentes a recuperaren os nomes de fontes, montes, camiños, penedos... a través da aplicación Galicia Nomeada. Este patrimonio inmaterial corre especial risco de perderse en concellos como o de Cualedro, debido á perda de poboación. Entre os presentes xa había algunhas persoas colaboradoras da plataforma como Nica Palomares ou Fernando Domínguez Dapía, presidente da Asociación de Veciños de Lucenza.
O segundo bloque estivo centrado na explicación do funcionamento da plataforma Galicia Nomeada: como solicitar unha conta de colaborador/a; como introducir un topónimo; como anexar fotos, audios ou documentos; como cargar ortofotos de distintos anos ou capas de información cartográfica; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor...
Para rematar, no terceiro dos bloques do relatorio, as persoas asistentes puideron coñecer a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello. A xente quedou sorprendida con que o nome do concello de Cualedro tivese que ver coa abundancia de abeleiras na zona, etimoloxía da que falamos neste artigo.
Outra das etimoloxías moi comentada foi a do topónimo Lucenza, nome dunha parroquia para o que existen diferentes hipóteses. Nicandro Ares relacionou este topónimo coa voz homónima recollida nalgúns dicionarios galegos co significado de ‘claridade’, polo que puido deberse a un terreo brillante, luminoso, soleado. Por outro lado, este mesmo investigador tamén propuxo o étimo (VILLA) LUCENTIA, derivado do antropónimo LUCENTIUS. Elixio Rivas defendeu a teoría de que procedía do latín NASCENTIA e que tiña que ver coa nacenza de auga, isto é, coa existencia de mananciais ou fontes neste lugar. A esta mesma conclusión chega Cabeza Quiles, pero desde un étimo distinto, pois para el sería un derivado do latín LUX, LUCIS, por sinalar lugares onde as augas subterráneas ven a luz. Por último, Gonzalo Navaza, ademais destas teorías, cre que tamén pode conter a raíz indoeuropea *LEU- ‘lavar’, a mesma que dá en latín o verbo LAVARE e que está presente en hidrónimos galegos como Lavandeira, Levagueira, Lobagueira, Lobegada...
Vilar de Santos, próxima charla Toponimízate
A Campaña Toponimízate non sairá da provincia de Ourense, pois o vindeiro sábado 22 de xuño visitará o concello de Vilar de Santos. O evento terá lugar a partir das 12:00 h no Museo Etnográfico da Limia (Rúa de Celanova, 63, Vilar de Santos).