Ribeira estreou as charlas telemáticas do programa Toponimízate

O alumnado dos centros de ensino IES Leliadoura, do CIFP Coroso, do CEIP Plurilingüe O Grupo, xunto cos ribeiráns e ribeirás que asistiron ao Centro Cultural Lustres Rivas ou que se conectaron desde os seus domicilios particulares, foron os encargados de inaugurar as charlas telemáticas do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra neste ano 2021. Todas estas persoas puideron seguir a charla a través da canle de Youtube da Real Academia Galega. A vantaxe deste sistema é que o relatorio quedou gravado e calquera persoa pode visualizalo nesta ligazón sempre que o desexe.

Agradecemos especialmente a colaboración e implicación na difusión desta actividade de Alicia Padín, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira, quen de forma entusiasta contactou con todos os centros de ensino, asociacións culturais e coa veciñanza para que a mensaxe chegase a un número maior de persoas.

Con estas charlas nas que se busca especialmente a participación dos centros do ensino, a Real Academia Galega procura divulgar entre os máis novos a importancia da toponimia como patrimonio cultural e tenta implicalos na salvagarda dese tesouro de todos os galegos e galegas. O coordinador da Unidade Técnica de Toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, faloulles da urxencia que ten recoller os nomes das terras e do mar neste concello dándolle continuidade aos traballos iniciados hai anos polo Proxecto Toponimia de Galicia. Para iso, presentoulles a aplicación Galicia Nomeada e convidounos a participar, xunto coas súas familias, neste proxecto colectivo.

Na segunda parte do obradoiro, Vicente Feijoo faloulles do significado da toponimia maior da contorna, comezando polo propio nome do concello, Ribeira. Precisamente, o 3 de marzo de 2020, a Casa do Concello albergou un acto público en que, convocados polo alcalde, Manuel Ruíz, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o director do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, expuxeron ante os membros da corporación municipal e a veciñanza as conclusións dun informe elaborado pola RAG que defende a lexitimidade da grafía con -b- do topónimo Ribeira. Procedente do latín RIPARIAM cun significado moi semellante á voz do galego común ribeira, “franxa de terra que está ao lado dun río, dun lago ou do mar”, no caso concreto do topónimo, existen múltiplos testemuños, xa dese o século XIV, coa forma -b-.

O léxico ribeirán, tamén na toponimia

Ademais do topónimo municipal, Vicente Feijoo achegou a etimoloxía dos nomes das 9 parroquias que forman este concello e de moitos dos 214 lugares que aparecen recollidos no Nomenclátor de Galicia. Algún deles serven mesmo para coñecermos o léxico propio da zona: así, Modorróns, ademais dun nome de lugar, é un termo que se emprega na Barbanza para designar as dunas.

Rascacú é tamén un dos topónimos máis curiosos do concello de Ribeira. Probablemente faga referencia a unha pedra pola que esvaraban os rapaces e por iso “rañaba o cu”; porén, non se pode descartar a súa orixe fitotopímica pois un rascacú é unha variante dialectal do arbusto da familia das liliáceas tamén coñecido como xibarda, xilbarbeira ou mesquita.

5 de novembro, Carnota

Carnota será o seguinte destino da campaña Toponimízate, falámosche dos nomes da túa terra: a cita será o 5 de novembro a partir das 19:00 no Salón de Plenos da Casa do Concello.

 

Galería de imaxes
Tipos