Riós
A exposición dos mapas toponímicos cos máis de 4200 nomes recollidos no concello de Riós foi inaugurada o día 9 de xuño de 2006 na Casa da Castaña do lugar da Igrexa, parroquia de Trasestrada. Ademais das fotografías aéreas cos topónimos situados enriba do espazo que identifican, amosáronse algúns pósters onde se indican etimoloxías dos topónimos, clasificacións semánticas, lendas...
Ao acto de presentación acudiron numerosos veciños, moitos deles foron os informantes que altruisticamente legaron a súa sabedoría deste patrimonio cultural para o coñecemento das novas xeracións. É por iso, que un dos obxectivos deste acto foi render a merecida homenaxe a todos eles. Foi presentado polo alcalde, Francisco Armando Veiga Romero, e posteriormente interviron a directora xeral da Administración Local da Consellería de Presidencia, o delegado provincial da Consellería do Medio Rural, o director do proxecto, e o técnico que fixo o traballo de campo, Vicente Feijoo Ares.
A mostra estivo aberta ao público nesta antiga reitoral restaurada durante 6 meses en horario de mañá. Posteriormente os mapas percorreron os locais sociais das aldeas de cada parroquia coa finalidade de que a xente os consultase e os revisase para posibles correccións ou para achegar novos nomes.