Tordoia pechou a primeira etapa das charlas Toponimízate 2024
A Casa da Cultura de Tordoia acolleu este xoves 4 de xullo a última das charlas antes do descanso estival da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. Mais non foi a derradeira deste 2024, pois aínda son oito os concellos que, desde finais de agosto recibirán, esta actividade coa que a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua recorren o país na procura de persoas e entidades que se sumen á recuperación da nosa microtoponimia (nomes de terras, montes, fontes, regueiros, penedos, areais...).
A charla foi presentada por María del Mar García González, concelleira de Cultura e deporte, quen escusou a ausencia do alcalde Eduardo Antonio Pereiro Liñares, xa que non puido asistir por un problema persoal de última hora. Tamén estiveron presentes outros membros da corporación municipal como a concelleira de Terceira Idade e Festexos, Manuela González Pallas, a quen lle pareceu moi interesante este proxecto para as actividades da súa concellería.
Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e encargado de impartir estes relatorios, centrou boa parte da charla en explicar o funcionamento do plataforma colaborativa Galicia Nomeada, a ferramenta dixital para a recolla dos microtopónimos galegos e de toda a tradición oral vencellada a eles. As persoas asistentes aprenderon como darse de alta, como engadir un novo topónimo, como incluír arquivos de audio, foto ou vídeo na ficha dun topónimo, ou mesmo, como enviar suxestións sobre a toponimia xa existente na plataforma.
Por último, aínda houbo tempo para debullar a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello. Desta volta, a sección estivo baseada na obra Toponimia de Tordoia da autoría de Luz Méndez, académica correspondente e membro do Seminario de Onomástica; e Lidia Gómez, docente de ensino secundario con raíces neste concello coruñés.
Entre os topónimos máis enigmáticos dos que se falou, cómpre salientarmos Andoio, un topónimo único en toda Galicia, de orixe e significado descoñecidos, que segundo as autoras citadas podería estar relacionado con outros nomes de lugar como Bormoio, en Coristanco, Leiloio, en Malpica de Bergantiños ou mesmo Baldaio, en Tordoia. Todos eles teñen como denominador común que conteñen o sufixo prerromano -io. A Tablilla é outro dos nomes enigmáticos deste concello, como explicamos neste artigo.
A campaña Toponimízate regresará a finais de agosto na Terra Chá
A Campaña Toponimízate abre un período de oito semanas de descanso estival ata finais de agosto, cando volverá con máis folgos para afrontar as oito charlas que quedan desta campaña do ano 2024. A primeira das charlas será na Terra Chá: o venres 30 de agosto, quedamos citados no Salón de plenos do Concello de Abadín ás 20:00 horas.