A Gudiña

O día 9 de marzo de 2007 celebrouse o acto de inauguración da exposición pública da toponimia da Gudiña na Casa da Viúva, onde permaneceu exposta durante varios meses. Nela poidéronse ver os máis de 3500 nomes recollidos neste concello situados en fotografías aéreas que estiveron colocadas nos dous andares do edificio. Acompañando estes mapas había outros pósters onde se explicaba o significado dos nomes das aldeas do concello, así como as lendas asociadas a topónimos históricos ou arraigados á fantasía e imaxinación popular.

A este acto asistiron a meirande parte dos informantes que proporcionaron os topónimos en cada unha das aldeas, moitos deles de idades moi avanzadas, aos que se lle rendiu unha merecida homenaxe por seren os transmisores deste acervo cultural. Tamén estiveron presentes familiares e achegados destes e un bo número de alumnos da ESO do colexio Laureano Prieto da Gudiña.

No acto de presentación interviron o alcalde, Guillermo Lago Pérez, representantes da Consellería de Presidencia e técnicos do proxecto, entre eles, Vicente Feijoo Ares, que foi o que recolleu a toponimia en campo no ano 2002.

Galería de imaxes
Tipos