O proxecto educativo "Ao son da oralidade. O noso patrimonio" do IES do Milladoiro
“Ao son da oralidade. O noso patrimonio” é o nome do proxecto educativo (dentro do Plan Proxecta) desenvolvido polo EDLG do IES do Milladoiro no curso 2020-21 para traballar co patrimonio material e inmaterial do concello de Ames. O proxecto está fundamentado arredor de tres eixes principais: a oralidade, os restos arqueolóxicos e a toponimia (especialmente aquela que ten relación co paso por este municipio do Camiño de Santiago, concretamente do Camiño Portugués).
Este centro educativo ten a particularidade de acoller a alumnado procedente de diversas partes do mundo e con diferentes culturas. Por tanto, o proxecto naceu co principal obxectivo de artellar puntos de encontro culturais a través do coñecemento e da posta en valor do patrimonio da contorna, usándoo como impulsor e dinamizador socio-cultural.
Para isto, en colaboración co Concello de Ames e coa ANPA do centro, o profesorado do IES do Milladoiro integrante do Plan Proxecta organizou unhas xornadas (días 23 e 24 de marzo) na Casa de Cultura do Milladoiro para que o alumnado puidese conversar con profesionais que traballan nas tres liñas de investigación do proxecto. Deste xeito, Luís Leclere (integrante do colectivo A Rula) faloulles dos petróglifos de Ames; sobre toponimia falaron Xosé Ramón López Boullón (autor do libro Toponimia de Ames) e Vicente Feijoo Ares (coordinador técnico de Galicia Nomeada); sobre oralidade fixérono Vero Rilo (educadora e narradora oral) e Marcos PTT (actor e director de teatro) cun obradoiro sobre os roteiros emocionais; por último, sobre patrimonio cultural en xeral falou Bieito Pérez Outeiriño (funcionario do corpo facultativo de Conservadores de Museos do Estado).
Tras estas xornadas de formación e de diálogo, o alumnado e o profesorado participantes no proxecto puxéronse a traballar arreo e, froito dese esforzo conxunto, sacaron unha publicación en formato papel e dixital na que se recollen os obxectivos do proxecto educativo; a visión persoal do alumnado respecto dos relatorios das xornadas; os traballos de investigación elaborados por eles de xeito colaborativo; e, por último, as experiencias coa oralidade desde a perspectiva das emocións. O libro ten o mesmo título ca o proxecto, Ao son da oralidade. O noso patrimonio, e nel figuran os nomes de todas as persoas participantes neste enriquecedor proxecto, non só desde o plano académico, senón tamén no persoal.
Centrándonos na toponimia, temos que destacar tres traballos de investigación. O primeiro, realizado polo alumnado de Reforzo, ten que ver coa relación entre a toponimia e os petróglifos do concello de Ames, facendo unha viaxe virtual por algúns dos xacementos existentes en cada parroquia e rematando cunha saborosa merenda de fraternidade. Os outros dous foron investigacións realizadas nas aulas de portugués, por alumnado matriculado nesta materia no nivel de 2º da ESO. Trátase dunha comparación entre a toponimia portuguesa e a galega situada no Camiño Portugués a Santiago de Compostela. Unha escolla moi acertada desde o plano didáctico e tendo en conta que estamos en ano xacobeo. Nun caso partiron dos topónimos do Camiño Portugués desde O Porto a Valença e buscaron as correspondencias cos topónimos galegos. No outro artigo fíxose o estudo no sentido contrario, partiron do tramo do Camiño Portugués que pasa por Ames, co que xa traballaran no curso pasado, e estiveron a investigar as coincidencias cos topónimos do país veciño.
Desde o proxecto Galicia Nomeada dámoslles os parabéns a alumnado e profesorado por este magnífico traballo de irmandade cultural a través do patrimonio; convidámolos a seguir traballando coa toponimia non só do concello de Ames, senón tamén dos concellos de orixe das familias dos rapaces e rapazas que estudan neste instituto; e agardamos que esta experiencia sirva de inspiración para outros centros de ensino.