Todos os nomes nun discurso: Ana Boullón, nova académica da RAG

Que hai detrás do nome dunha persoa, dun apelido ou dun lugar? Que nos din de nós como persoas e como sociedade e que legado nos transmiten estas palabras? A estas e outras preguntas arredor da nosa toponimia e da nosa onomástica tentou darlle resposta Ana Isabel Boullón Agrelo no seu discurso de entrada na RAG como académica numeraria.

A profesora da Universidade de Santiago de Compostela, investigadora de referencia no campo da onomástica galega, membro do Seminario de Onomástica da RAG e codirectora da Colección Terra Nomeada, ingresou o pasado 11 de decembro na Real Academia Galega cun solemne acto na súa vila natal, A Pobra do Caramiñal, nun ateigado Teatro Cine Elma.

Baixo o título de “Todos os nomes: identidade, pobo, país”, o discurso de Ana Boullón (que pode descargarse nesta ligazón) profundou na vertente lingüística e mais na dimensión social de nomes, apelidos e topónimos.

Despois de se centrar nos nomes de persoas poñendo o foco nos máis frecuentes na Galicia da Idade Media, analizou a súa evolución nas últimas décadas, os factores que inflúen na súa elección, a difusión e popularización dos nomes exclusivamente galegos... A perspectiva histórica aplicouna tamén ao caso dos apelidos, deténdose no fenómeno da castelanización e as trabas administrativas para restaurar as formas deturpadas.

No apartado do discurso dedicado á toponimia, tivo unha especial importancia o proceso de deturpación dos nosos nomes de lugar. Para exemplificalo, mencionou o caso da súa vila natal, A Pobra do Caramiñal, onde a restitución da forma galega atopou no seu momento certa contestación veciñal:

«O argumento popular non era a defensa da castelanización da toponimia, senón que simplemente “dise Puebla de toda a vida”. Compárase a vida dunha persoa coa vida dunha lingua, coa historia dun pobo que aí habita desde hai moitos séculos. É froito dunha estratexia que se ten chamado “silencio toponímico”: coa retirada da toponimia orixinaria preténdese crear na poboación unha nova percepción da situación lingüística, cultural e política. Os nomes de lugares, como se ve, implican valores e tamén comportan relacións de poder».

Pero ademais de chegar a converterse en instrumentos de poder, o discurso da nova académica quixo remarcar a importancia dos nomes de lugar como sinais de pertenza a un grupo: “transmitidos oralmente de xeración en xeración durante centos ou milleiros de anos no lugar onde foron creados, representan a parte máis viva do patrimonio cultural humano”. Como lembrou Ana Boullón, esta importancia social da toponimia tradicional como instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos territorios foi recoñecida polo Congreso dos Deputados na Lei para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial (10/2015, do 26 de maio) por iniciativa da Real Academia Galega e co apoio da Xunta de Galicia.

Houbo tamén un apartado para lembrar a importancia do significado dos nomes e dos topónimos para a comunidade que chega a ser tal que “cando non se coñece, invéntase”. Para Ana Boullón, nesta onomástica popular subxace o papel das persoas como axentes activos non só de crenzas e percepcións, senón tamén na creación e promoción de nomes” e propón un cambio de perspectiva para desbotar a connotación negativa da onomástica popular.

A nova académica deixou para o final do discurso a parte máis persoal e emotiva da Onomástica ao afirmar que a importancia dos nomes radica en que “cada un de nós somos quen de crearmos a nosa biografía xeográfica, individual, familiar e colectiva” con só citarmos “nomes e apelidos, hipocorísticos, alcumes, formas de tratamento, topónimos, nomes comerciais, xentilicios festivos, zoónimos”.

 
Tipos