A toponimia do Bierzo, protagonista das XVII Xornadas Martín Sarmiento
A crise do rural avanza a pasos axigantados. Unha das súas consecuencias menos perceptible, pero non menos dramática, é a perda da microtoponimia tradicional que ten séculos de historia. Grazas a proxectos como Galicia Nomeada, actualmente podemos usar as novas tecnoloxías para rexistrar estes nomes antes de que desaparezan as persoas que os coñecen e, así, conseguirmos que perduren para as seguintes xeracións. Tendo como modelo o proxecto colaborativo de salvagarda e difusión da microtoponimia que se está desenvolvendo en Galicia, a Comisión Cultural Martín Sarmiento decidiu facer deste asunto o tema principal das súas Xornadas Martín Sarmiento neste ano 2025.
O domingo 9 de marzo, Vilafranca do Bierzo acollerá o inicio da décimo sétima edición destes encontros, cuxo tema central é a recuperación da toponimia do Bierzo occidental. Os organizadores queren transformar esta urxencia en oportunidade cun proxecto ben ambicioso e interesante: recuperar a toponimia do Bierzo concello a concello, nunha acción colectiva e divulgativa. Para falar de toponimia, contarán cun experto berciano na materia, Fernando Cabeza Quiles, quen ofrecerá unha charla divulgativa que servirá de punto de partida para valorar a importancia dun proxecto cultural desta magnitude. O acto terá lugar no Teatro Enrique Gil, ás 19:00 horas, e dará paso á creación dunha comisión de traballo que, co apoio de diversas institucións, axude a poñer en marcha este proxecto.
A charla está encadrada nun programa de actividades máis amplo que inclúe, entre outros, a entrega do V Premios Antonio Fernández Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo, cos que colaboran a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega.
Precisamente, no acto de entrega destes premios celebrado no ano 2019, Vicente Feijoo Ares, coordinador da Unidade Técnica do Seminario de Onomástica da RAG, ofrecera daquela unha das charlas Toponímizate. Coñece os nomes da túa terra co obxectivo de presentar a aplicación Galicia Nomeada nas terras bercianas, xermolo deste proxecto que agora comeza a andar na provincia leonesa.
Como ben din os organizadores das xornadas, sen dúbida ningunha esta iniciativa encaixa á perfección coa filosofía do Padre Sarmiento, nacido no Bierzo un 9 de marzo de 1695 e gran divulgador da nosa toponimia na súa época.
Desde Galicia Nomeada desexamos un grande éxito a este novo proxecto que nace nas terras irmáns do Bierzo e ofrecémonos a colaborar coa Comisión Cultural Martín Sarmiento en todo o que estea da nosa man.