“Somos das Cruces”, o proxecto do IES Marco do Camballón co que se vencellará a Galicia Nomeada

Arredor de cen rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO e de 1º de Bacharelato do IES Marco do Camballón foron os encargados de abrir o pano dunha nova xeira de charlas toponímicas que neste ano 2024 volverá percorrer os centros de ensino do país co obxectivo de implicar as novas xeracións na recuperación da nosa microtoponimia. O pasado 25 de xaneiro, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, impartiu un obradoiro neste instituto cuxa finalidade era vincular o proxecto que están a desenvolver no centro co proxecto institucional de salvagarda e difusión da toponimia galega posto en marcha pola Real Academia Galega e mais a Xunta de Galicia.

O pasado 20 de outubro 2023, o programa Toponimízate recalaba no Auditorio Municipal Xosé Casal de Vila de Cruces. Entre as persoas asistentes nesta charla estaba María Jesús Barcala García, profesora de lingua e literatura galega no IES Marco do Camballón, quen, ademais de se amosar entusiasmada pola iniciativa Galicia Nomeada, comentou a posibilidade de levar este proxecto de recuperación da toponimia galega ao seu centro de ensino. Logo de solicitaren formalmente esta actividade formativa á Real Academia Galega, alí acudiu Vicente Feijoo. Deste xeito, puido coñecer de primeira man o traballo entusiasta que están a facer unha boa parte do alumnado e profesorado deste centro carbiao, cuxa finalidade é a recuperación da súa cultura tradicional. Como non podía ser doutro xeito, a toponimia tamén forma parte dos seus obxectivos, polo que a mellor forma de rexistrala e difundila será a través da aplicación Galicia Nomeada.

O IES Marco do Camballón desenvolve desde hai tres cursos o programa “Somos das Cruces”, unha iniciativa de posta en valor do patrimonio cultural inmaterial deste concello pontevedrés. O proxecto naceu para tentar derrubar unha idea que o propio alumnado sostiña: nas súas parroquias e aldeas non había nada digno de ver, ou iso pensaban e, por tanto, non había persoas interesadas en visitar e coñecer Vila de Cruces. Para tentar desbotar este prexuízo, xulgaron que debían buscar as persoas que máis coñecían a súa contorna, os maiores de Vila de Cruces, que seguro tiñan moita información que elas e eles descoñecían e que tampouco figuraban nos libros nin nas redes sociais.

A partir de aí, decidiron buscar estes referentes dos seus lugares e parroquias para entrevistalos seguindo un guión onde se pregunta pola súa infancia, os xogos, as festas, como pasaban o seu lecer, que tarefas realizaban... Aquí reside un dos seus puntos máis interesantes, os lugares que formaban parte da paisaxe das súas vivencias: nomes de regatos, de fontes, de leiras, das zonas onde transcorría a súa vida... xunto coas lendas que tiñan asociadas. O alumnado de 4º da ESO do centro é o encargado de compilar a información, tanto a través das entrevistas como doutras fontes, mentres que os compañeiros e compañeiras doutros cursos colaboran con entrevistas a familiares e veciños.

Neste proxecto están involucrados toda a comunidade educativa do IES Marco do Camballón, a veciñanza e o Concello de Vila de Cruces. Nunha primeira fase recolleron información sobre as parroquias máis próximas ao centro, As Cruces, Toiriz, Cumeiro, Besexos e Sabrexo. No curso 2022-23 continuaron nas de Brandariz, Merza, Camanzo, Carbia, Larazo e Insua. No presente curso están a traballar en Piloño, Bascuas e Añobre. Ademais, a información recollida cada curso vaise complementando nos seguintes a través de novos informantes e está accesible a través de códigos QR que se van colocando nas zonas estudadas pola rapazada.

O obradoiro de Vicente Feijoo procurou, por tanto, vincular os dous proxectos, “Somos das Cruces” e Galicia Nomeada, co fin de incorporar ao visor da plataforma colaborativa toda esta información asociada aos topónimos de Vila de Cruces para que estea dispoñible na rede para todo o mundo. Así, boa parte do obradoiro estivo centrada nas posibilidades que lles ofrece a aplicación colaborativa para rexistrar esa información: como introducir un novo topónimo, incluír un audio coa súa pronuncia, imaxes ou as lendas que compilan dos maiores dos seus lugares e parroquias. Desde o centro xa confirmaron que comezarán de inmediato a incluír esta información na plataforma Galicia Nomeada.  Pero tamén houbo tempo para debullar a orixe e significado dos nomes das 28 parroquias do concello, algo que lles sorprendeu moito ao alumnado ao descubrir a abundancia de nomes prerromanos no seu termo municipal con tantos séculos de historia.

Os responsables do proxecto Galicia Nomeada queremos darlle os parabéns a toda a comunidade educativa do IES Marco do Camballón polo seu interesante e necesario proxecto “Somos das Cruces”, ademais de agradecerlle o grande interese que amosaron por vinculalo a Galicia Nomeada.  
 

Galería de imaxes
Tipos